27 marzo 2009

A República de Irlanda : 90 anos de historia

A historia do nacemento da República Irlandesa pódese remontar ao ano 1800 cando o Parlamento de Irlanda aprobou e asinou a Acta de Unión pola cal, através da converxencia dos reinos de Irlanda e Gran Bretaña, constituiríase o Reino de Gran Bretaña e Irlanda. Entón a illa fixo parte do Reino Unido e estivo dirixida directamente desde Londres.

Nos séculos anteriores, en concreto no XVII, os Tudor iniciaran a conversión dos irlandeses ao protestantismo e a extensión da lingua inglesa por toda a illa, para alén de Dublin, onde estiveran situados en principio. Así creouse unha clase dominante protestante, formada por colonos traídos de Inglaterra, fundamentalmente, e de Escocia que se deu en chamar o ascendente protestante.

Todo isto, sumado aos problemas que apareceron logo da aprobación e sinatura da Acta de Unión, como por exemplo as grandes fames da pataca dos anos corenta no século XIX e que se saldaron cun millón de irlandeses mortos alén doutro millón emigrado, fixo que un certo sentimento nacionalista e soberanista prendese. E ese movimento foise facendo máis e máis forte, sobre todo entre os católicos máis humildes.

Logo de varias tentativas non violentas para a emancipación, como a de Daniel O'Connell, ou para a derogación da Acta de Unión en prol dunha maior autonomía para a illa esmeralda, protagonizada por un grupo de nacionalistas liderados por Charles Stewart Parnell, o separatismo armado tomou a iniciativa das reivindicacións soberanistas e o sector nacionalista radicalizouse.

A conta atrás para a independencia irlandesa comezou nas eleccións xerais británicas de 1918 cando os candidatos eleitos nas circunscripcións irlandesas, a maioría do Sinn Féin e en concreto uns 73 sobre 108, refusaron ocupar os seus escanos en Westminster e crearon a Dáil Éireann, ou Asemblea de Irlanda, decorrendo a súa primeira sesión, maioritariamente en lingua gaélica, o 21 de Xaneiro de 1919 na Sala Redonda da Mansion House de Dublin.

Esa Dáil emitiu unha Declaración de Independencia unilateral, que non contou con apoio internacional, durante o Alzamento de Pascua coa conseguinte guerra Anglo-Irlandesa que rematou en 1921 cando se acadou unha tregua co Tratado Anglo-Irlandés asinado o 6 de decembro de 1922. Ese tratado foi feito efectivo, finalmente, coa Acta de constitución do Estado Libre Irlandés dese mesmo ano, que establecía un “Dominio Británico” ao estilo de Canadá e Australia e que tamén lle daba a opción ao Ulster de permanecer no Reino Unido e non facer parte do novo Estado como así finalmente ocorreu.


Este ano 2009, o 21 de xaneiro, Irlanda conmemora os 90 anos do xesto de rebeldía dos representantes do Sinn Féin que conduciu a liberación da illa esmeralda.