20 mayo 2008

Xosé María Álvarez Blázquez na súa faceta arqueolóxica

Este ano á persoa a quen se lle adicou o día das Letras Galegas foi D. Xosé María Álvarez Blázquez, poeta, narrador, estudoso da nosa literatura, publicista, deseñador, editor, impresor, crítico... Alén da súa obra literaria, tamén se involucrou noutras disciplinas culturais, nas que acadou un éxito similar ao literario. Unha destas disciplinas foi á Arqueoloxía. Comezou no seu Tui natal cos seus primeiros traballos arqueolóxicos, con 18 anos, da man do seu mestre, o prehistoriador tudense Manuel Fernández Costas, que ademais dirixía o grupo xuvenil Ultreia, do que Xosé María Álvarez formaba parte. Nos veráns de 1933, 1934 e 1935, el e outros Ultreias fixeron diversas prospeccións e algunha escavación como a do castro de Cabeza de Francos. Quince anos máis tarde, no 1948, establecido xa en Vigo, redacta un informe sobre estes traballos que non se publicará ata os nosos días.
Nos veráns a familia Álvarez Limeses pasaba unha tempada nas beiras do mar da Arousa en Baión, Vilanova. Alí puxo a traballar nas prospeccións arqueolóxicas a algúns amigos e a tres dos seus irmáns (Alfonso, Emilio e Álvaro). No Nadal de 1934 escavan noutro castro tudense, o da Guía. Os traballos quedaron recollidos nunha breve memoria que publicou en Tude, unha revista que editaban estudantes do Instituto de Tui. De decembro de 1934, conservaba un traballo inédito ata a actualidade no que recollía Ideas sobre as mámoas. Logo chegou a guerra e hai un parón no seu traballo arqueolóxico, ata os anos 1938, 1939, 1940 e 1941 que investiga a necrópole romana de Coreses e anda na procura de fósiles e restos paleolíticos.
Amosou grande interese polos tempos máis recuados da prehistoria. Compartiu este interese co escritor Eliseo Alonso e o pintor Antonio Fernández, e, máis especialmente con Pedro Díaz.
A súa primeira publicación arqueolóxica data de 1949, Industrias Paleolíticas de la comarca de Tui, publicada en colaboración con Fermín Bouza Brey nos Cadernos do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
No ano 1961, realizou intensas prospeccións nas Gándaras de Budiño (O Porriño), que fora descuberto polo xeógrafo francés Henri Nonn, quen se puxo en contacto con el para que fixera as escavacións. Da escavación prospectiva de 1963, ideada e animada por el, queda constancia en planos, fotografías e debuxos publicados, e a colección de artefactos líticos referenciados que se depositaron no Museo de Castrelos en Vigo, como era o seu desexo.
En 1949, recibiu o título honorífico de Comisario Local de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo. E pouco a pouco foise coñecendo o pasado romano da cidade, primeiro os enterramentos de época romana próximos ao actual Colexio Picacho, despois as escavacións no Castro de Vigo e finalmente, no ano 1953, as estelas funerarias da Rúa Hospital.
Nas décadas dos sesenta e setenta estudou as aras do santuario romano do Facho de Donón (Cangas), trasladadas ao Museo de Castrelos de Vigo. A súa publicación non se fará ata 1971 (Volume XXVI de Cuadernos de Estudios Gallegos).
Tamén desta época é o seu estudo sobre a cista de Atios e a publicación sobre esta escavación.

18 mayo 2008

Xornadas Hume: Don Antón Vilar Ponte

O pasado xoves día 15 de maio, e pechando as Xornadas da primavera da Asociación Hume, tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca municipal a don Emilio Xosé Ínsua, doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesor de Lingua e Literatura no IES “A Basella”, poeta e escritor. Falounos da creación da Real Academia Galega e da súa traxectoria e os moitos avatares polos que tivo que pasar ata os nosos días. A Real Academia Galega foi creada en 1905 na Habana por iniciativa dos galegos que vivían nesa cidade, entre os que destacaban Curros Enríquez e Fontela Leal. O seu primeiro presidente foi Manuel Murguía. A súa sede está na Coruña e ten como obxectivo contribuír ao coñecemento da nosa historia, cultura, literatura e lingua. É a que organiza o Día das Letras Galegas e é a institución encargada por lei de dictar as normas que rexen o bo uso da nosa lingua.
Ao final da charla, houbo un coloquio entre don Emilio Xosé Ínsua e varios dos asistentes que acudiron ao acto.


10 mayo 2008

Xornadas Hume: Don Narciso Luaces Pardo

Onte, 9 de maio, comezaron as xornadas co motivo do día das Letras Galegas da Asociación de Estudos Históricos Hume na Biblioteca Municipal das Pontes. Tivemos o pracer de recibir a don Narciso Luaces Pardo, creador do museo etnográfico de Meixido (Ortigueira) e autor do libro O Carreiro. Memorias do tío Santos. Falounos da impotancia do carro na vida dos nosos devanceiros, dos nomes que reciben as pezas do carro na comarca do ortegal (pois cada zona ten a súa propia denominación) de cómo se construían… sen faltar, por suposto, algunha que outra anécdota, como a dun veciño de Ortigueira que, por querer facer o carro máis grande do normal (o carro ten unhas medidas determinadas) só lle durou dous días, xa que este entornábaselle porque unha roda encaixaba nas rodeiras do camiño e a outra ía máis alta. Outras curiosidades foron que dunha vez saíron do porto de Ortigueira 5000 carros feitos por un carreiro do lugar ou que no último viaxe que fixo un carreteiro da zona (que se decicaba exclusivamente a levar tablóns de madeira a Ferrol) levou 1500 kg de madeira nun carro tirado por dúas parellas de bois.
Despois da charla tivemos a oportunidade de facerlle unha pequena entrevista a don Narciso.


Entrevista a don Narciso Luaces Pardo. Creador do museo etnográfico de Meixide e autor do liro O Carreiro. Memorias do tío Santos.

Pregunta: Que importancia tiña o carro na vida dos nosos avós?
Resposta: Pois mira, o carro na vida dos nosos avós era todo porque era o único medio de transporte que había. Nel carretábanse todos os materiais que eran necesarios para unha casa, para obras públicas para facer pontes, estradas, para todo, para todo en xeral, ata que viñeron os camións pero os camións viñeron… pois sería polo ano 1900 ou por aí cando empezaron a haber así en xeral, o resto foi todo carrexado no carro e esa era a maior importancia que tiña.

P: Quedan moitos carreiros hoxe en día?
R: Pois mira, hoxe non quedan carreiros na zona porque tampouco quedan carros. A partir do último terzo do século XX, o que acabou agora, entraron os tractores, o tractor agrícola e a carroceta para carretar as madeiras. Chegou primeiro a carroceta e despois chegou o tractor agrícola e a partir de aí, pois quedou totalmente abolido o carro.

P: Meu pai tenme contado que os carros asubían dun xeito especial e que cada carro tiña o seu son.
R: Si, cada carro tiña un sonido especial e as campaíñas (do carro) tamén entón, polo son das campaíñas e polo chirrío do carro a xente, os veciños do lugar, coñecían que carro era o que se aproximaba .

P: Como se conseguía ese son?
R: Polas madeiras, cada madeira aínda que fora toda da misma clase, cada unha soaba distinto.Eso, polo menos eu non o teño estudado, non se sabe o motivo de porqué facía isto.

P: Non lles botaban nada ás rodas?
R: Si, para que cantaran máis ou menos. Para que non cantasen por exemplo, engrasábase con touciño de porco ou con aceite e se se quería que cantasen, ou mollaban con auga porque ao secar aínda enchía máis ou lle botaban gas, gas do alumado entón o facían cantar porque había moita xente que presumía de que o seu carro cantaba mellor cao dos outros incluso, cando había que facer algunha cousa, apretábanlle as tuercas para que o sentiran cantar máis non sabes? Aínda que lles pesaba máis ás vacas e aos bois, pero o facían así.

P: Coida que é imporatante que todas estas pezas se recollan en museos etnográficos para que non se perdan e para que as vindeiras xeracións as coñezan?
R: Eu penso que a importancia é enorme porque se non se recolle, esto é unha historia que se acaba e un pobo que non sabe de onde vén mal pode saber a onde vai.

P: É importante que asociacións como a de Hume faigan charlas como a de hoxe para que a xente recorde e coñeza a vida dos nosos ancestros?
R: Pois mira, eu creo que si. Afortunadamente estanse empezando a facer en todos os pobos co asunto das Letras Galegas e con moitas máis cousas. É moi importante que a xuventude sigades loitando con esto, sobre todo os máis xóvenes para que nunca se perda esto que, por exemplo o do carro, que data de , estamos falando aquí,agora mesmo sobre 4000 5000 antes da nosa era .

P: Cal é o seu próximo proxecto?
R: Teño tantos que non sei por cal empezaría.Estou escribindo un libro, teño un libro publicado e estou escribindo outro precisamente dos oficios para que vós máis os vosos fillos e netos e bisnetos vos quede aí para sempre e quede constancia dos oficios que houbo. Porque mira, referente ao campo, oficios que perteneceron ao campo, levo contabilizados 50 e algo.

Moitas gracias.
Nada, gracias a vós.

Para a semana, o xoves 14, teremos na nosa biblioteca a Emilio X. Ínsua López , doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesor de Lingua e Literatura no IES “A Basella” , poeta e escritor que nos falará do centenario da Real Academia Galega

05 mayo 2008

Os cans da guerra





O emprego de soldados mercenarios foi un recurso habitual no pasado en ausencia de auténticos exércitos nacionais. Ademáis, as tropas regulares non eran fiables á hora de afogar as revoltas populares, de ahí que os monarcas botaran man de profesionais contratados a cambio dunha paga -merces en latín-, que fixo do mercenario o primeiro proletario da historia.
Esta renunencia dos monarcas a armar aos seus súbditos explica a existencia de gardas de confianza compostas exclusivamente de extranxeiros: xermanos, no caso dos emperadores romanos, a garda varega dos bizantinos, a garda escocesa dos Borbóns franceses ou a valona dos seus homónimos españois, a garda mora de Franco ou a suiza que aínda manteñen os pontífices.
Durante a Idade Media os mercenarios deron orixe a un importe comercio internacional, fomentado polas Cruzadas e as guerras en Bizancio. Floreceron así as chamadas compañías libres, especialmente en Italia, onde as guerras entre as cidades eran endémicas e os seus xefes, os condottieri, actuaban como auténticos señores da guerra.
Os mercenarios eran reclutados, na súa maioría, entre as aguerridas poboacións das rexións montañosas e deprimidas das fronteiras de Europa: croatas, válacos, vascos, suizos. Aos procedentes das ciudades industriais de Flandres e Alemaña débeselles a estensión das armas de fogo na Idade Moderna.
O poeta romántico Alfieri laiábase de que estes homes libres serviran de sostén da tiranía. En Inglaterra a Carta Magna prohibiunos. No "Príncipe" Maquiavelo, anque recoñece as súas ventaxas, desaconselláos. O reformador relixioso Zwinglio condenou a práctica, xunto á prostitución e o adulterio. Na illa de Utopía, sen embargo, Tomás Moro confía a defensa da República a un exército mercenario.
Na Idade Moderna os mercenarios suizos e os lansquenetes alemáns foron a columna vertebral da infantería dos exércitos europeos, que a abundancia de plata americana permitiu costear con largueza. A guerra dos Trinta Anos supuxo o seu momento culminante. Na novela "O aventureiro Simplicissimus", publicada en 1668, Grimmelshausen ofrece unha vivaz descripción da vida dun soldado de fortuna nunha Alemaña asolada polos exércitos. Durante esta contenda o emperador Fernando II alugou os servizos do nobre bohemio Albrecht Valdstejna -ou Wallenstein, como se coñeceu en alemán- cuio exército de 20.000 homes constituíu a maior empresa privada na Europa anterior ao século XX.





Os exércitos contratábanse cos seus oficiais por un período determinado. Funcionaban coma unha empresa e como tal sufrían tamen conflictos laborais, mesmo folgas.
Os avances tecnolóxicos que fixeron mudar os hábitos da guerra, non acabaron coa práctica do mercenarismo. No século XX exércitos mercenarios combateron en numerosos conflictos, como os que sacudiron África nos anos 70 e que o escritor Frederick Forsyth retrata tan ben na coñecida novela "Os cans da guerra". O fenómeno segue a estar presente nos escenarios bélicos da actualidade. En Irak, concretamente, a morte en 2004 de catro membros da compañía de seguridade norteaméricana Blackwater nunha emboscada en Faluya, revelou ao mundo o alcance da participación de tropas mercenarias na guerra. En 2007 o periodista Jeremy Scahill no libro: "Blackwater: o nacemento do exército de mercenarios máis poderoso do mundo", sacaba á luz datos que non deixaban dúbida acerca da implicación de empresas privadas de seguridade occidentais na chamada guerra contra o terrorismo internacional. Cuns efectivos duns 20.000 soldados e 20 avións Blackwater ten intervido en países como Afganistán e incluso nos propios EEUU, onde foi utilizada despóis do furacán Katrina para prevenir altercados. Como vimos, esta fora unha das razóns alegadas no pasado para xustificar o emprego de mercenarios. Algunhas cousas semellan que non cambian nunca. Decía Maquiavelo que "é más difícil gobernar unha república armada co seu propio exército, ao mando dun dos seus cidadáns, que conducila se o seu exército é extranxeiro".