20 mayo 2008

Xosé María Álvarez Blázquez na súa faceta arqueolóxica

Este ano á persoa a quen se lle adicou o día das Letras Galegas foi D. Xosé María Álvarez Blázquez, poeta, narrador, estudoso da nosa literatura, publicista, deseñador, editor, impresor, crítico... Alén da súa obra literaria, tamén se involucrou noutras disciplinas culturais, nas que acadou un éxito similar ao literario. Unha destas disciplinas foi á Arqueoloxía. Comezou no seu Tui natal cos seus primeiros traballos arqueolóxicos, con 18 anos, da man do seu mestre, o prehistoriador tudense Manuel Fernández Costas, que ademais dirixía o grupo xuvenil Ultreia, do que Xosé María Álvarez formaba parte. Nos veráns de 1933, 1934 e 1935, el e outros Ultreias fixeron diversas prospeccións e algunha escavación como a do castro de Cabeza de Francos. Quince anos máis tarde, no 1948, establecido xa en Vigo, redacta un informe sobre estes traballos que non se publicará ata os nosos días.
Nos veráns a familia Álvarez Limeses pasaba unha tempada nas beiras do mar da Arousa en Baión, Vilanova. Alí puxo a traballar nas prospeccións arqueolóxicas a algúns amigos e a tres dos seus irmáns (Alfonso, Emilio e Álvaro). No Nadal de 1934 escavan noutro castro tudense, o da Guía. Os traballos quedaron recollidos nunha breve memoria que publicou en Tude, unha revista que editaban estudantes do Instituto de Tui. De decembro de 1934, conservaba un traballo inédito ata a actualidade no que recollía Ideas sobre as mámoas. Logo chegou a guerra e hai un parón no seu traballo arqueolóxico, ata os anos 1938, 1939, 1940 e 1941 que investiga a necrópole romana de Coreses e anda na procura de fósiles e restos paleolíticos.
Amosou grande interese polos tempos máis recuados da prehistoria. Compartiu este interese co escritor Eliseo Alonso e o pintor Antonio Fernández, e, máis especialmente con Pedro Díaz.
A súa primeira publicación arqueolóxica data de 1949, Industrias Paleolíticas de la comarca de Tui, publicada en colaboración con Fermín Bouza Brey nos Cadernos do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
No ano 1961, realizou intensas prospeccións nas Gándaras de Budiño (O Porriño), que fora descuberto polo xeógrafo francés Henri Nonn, quen se puxo en contacto con el para que fixera as escavacións. Da escavación prospectiva de 1963, ideada e animada por el, queda constancia en planos, fotografías e debuxos publicados, e a colección de artefactos líticos referenciados que se depositaron no Museo de Castrelos en Vigo, como era o seu desexo.
En 1949, recibiu o título honorífico de Comisario Local de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo. E pouco a pouco foise coñecendo o pasado romano da cidade, primeiro os enterramentos de época romana próximos ao actual Colexio Picacho, despois as escavacións no Castro de Vigo e finalmente, no ano 1953, as estelas funerarias da Rúa Hospital.
Nas décadas dos sesenta e setenta estudou as aras do santuario romano do Facho de Donón (Cangas), trasladadas ao Museo de Castrelos de Vigo. A súa publicación non se fará ata 1971 (Volume XXVI de Cuadernos de Estudios Gallegos).
Tamén desta época é o seu estudo sobre a cista de Atios e a publicación sobre esta escavación.

No hay comentarios: