06 febrero 2009

Biografía Moncho Valcarce

Moncho Valcarce



A súa vida



Primeiros anos
Moncho Valcarce naceu na cidade da Coruña o 5 de setembro de 1935. Foi o sexto de oito irmáns con residencia nunha patrimonial casa na rúa da Franxa. Comezou os seus estudos de bacharelato no colexio dos Xesuítas de Vigo para logo rematalos no instituto da Coruña. Matricúlase como alumno libre na facultade de dereito da Univesidade compostelana, carreira que logo continuaría en Salamanca. De carácter extrovertido, alegre, incluso festeiro; amante da lectura e da música, levou unha xuventude como calquera mozo da súa idade.
O paso polo seminario
Moncho decidiu facerse sacerdote e entra no seminario maior de Compostela en 1959, onde pronto se sinte incómodo fronte ao tipo de educación que alí se daba, polo que marchou estudar teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma. El mesmo empeza a tomar concienza do seu ser galego integrándose nun grupo que denominaban "Irmandiños", co desexo de volver á Terra para poñer a súa vocación ao servizo do pobo. En 1967 regresa ao seminario de Santiago.
Un labor pastoral diferente
Ordénase sacerdote o 19 de novembro de 1969, aos 34 anos de idade. O carácter participativo das misas, a gratuidade nos servizos, a eliminación dos confesionarios, a introdución do galego como lingua litúrxica, así como as súas proclamas contra o caciquismo e as inxustizas, daban idea do innovador labor pastoral que desenvolveu. Colabora cos partidos políticos da oposición. Ao principio co PC e co PCI, a raiz do cal foi detido en Betanzos nunha reunión clandestina.
Militancia política
Entrou
en relación con xente ligada ao nacionalismo e integrouse nos CALL (Comités de Axuda a Loita Labrega) organización de apoio ás CC. LL. (Comisións Labregas). Definida xa a súa opción ideolóxica nacionalista non tivo reparo en participar activamente na política, militando na AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega) e participando nas primeiras eleccións dos comezos da democracia en 1977 como senador do BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego). En 1979 foi elixido concelleiro de Culleredo por esa coalición, edilato que conservou durante oito anos.
Últimos anos
A xerarquía eclesiástica fixo todo para alonxalo da política enviándoo en 1987 a Salamanca. Ao voltar, foi destinado ao concello das Pontes. Alí formou parte dun equipo pastoral e levou varias parroquias. Sempre inquedo e activo, participou en programas de radio, foi vicepresidente dun grupo ecoloxista: "Niño de Azor", colaborou coas CC. LL. da zona e deu clases no instituto da vila. No outono de 1991 empeza a atoparse mal, descúbreselle un cancro irreversible, o seu aspecto cambia drasticamente até caer postrado na cama.Escribe un diario, e recibe a multitude de amigos sempre co humor que lle caracterizaba. Morre o 1 de febreiro de 1993 cando tiña 57 anos de idade. Foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro da súa cidade natal cuberto coa bandeira nacionalista, ao son do himno galego, despedido cos versos de Bouza Brey e rodeado dos que o quixeron en vida.




Para maís información: http://www.monchovalcarce.org/

No hay comentarios: