10 mayo 2008

Xornadas Hume: Don Narciso Luaces Pardo

Onte, 9 de maio, comezaron as xornadas co motivo do día das Letras Galegas da Asociación de Estudos Históricos Hume na Biblioteca Municipal das Pontes. Tivemos o pracer de recibir a don Narciso Luaces Pardo, creador do museo etnográfico de Meixido (Ortigueira) e autor do libro O Carreiro. Memorias do tío Santos. Falounos da impotancia do carro na vida dos nosos devanceiros, dos nomes que reciben as pezas do carro na comarca do ortegal (pois cada zona ten a súa propia denominación) de cómo se construían… sen faltar, por suposto, algunha que outra anécdota, como a dun veciño de Ortigueira que, por querer facer o carro máis grande do normal (o carro ten unhas medidas determinadas) só lle durou dous días, xa que este entornábaselle porque unha roda encaixaba nas rodeiras do camiño e a outra ía máis alta. Outras curiosidades foron que dunha vez saíron do porto de Ortigueira 5000 carros feitos por un carreiro do lugar ou que no último viaxe que fixo un carreteiro da zona (que se decicaba exclusivamente a levar tablóns de madeira a Ferrol) levou 1500 kg de madeira nun carro tirado por dúas parellas de bois.
Despois da charla tivemos a oportunidade de facerlle unha pequena entrevista a don Narciso.


Entrevista a don Narciso Luaces Pardo. Creador do museo etnográfico de Meixide e autor do liro O Carreiro. Memorias do tío Santos.

Pregunta: Que importancia tiña o carro na vida dos nosos avós?
Resposta: Pois mira, o carro na vida dos nosos avós era todo porque era o único medio de transporte que había. Nel carretábanse todos os materiais que eran necesarios para unha casa, para obras públicas para facer pontes, estradas, para todo, para todo en xeral, ata que viñeron os camións pero os camións viñeron… pois sería polo ano 1900 ou por aí cando empezaron a haber así en xeral, o resto foi todo carrexado no carro e esa era a maior importancia que tiña.

P: Quedan moitos carreiros hoxe en día?
R: Pois mira, hoxe non quedan carreiros na zona porque tampouco quedan carros. A partir do último terzo do século XX, o que acabou agora, entraron os tractores, o tractor agrícola e a carroceta para carretar as madeiras. Chegou primeiro a carroceta e despois chegou o tractor agrícola e a partir de aí, pois quedou totalmente abolido o carro.

P: Meu pai tenme contado que os carros asubían dun xeito especial e que cada carro tiña o seu son.
R: Si, cada carro tiña un sonido especial e as campaíñas (do carro) tamén entón, polo son das campaíñas e polo chirrío do carro a xente, os veciños do lugar, coñecían que carro era o que se aproximaba .

P: Como se conseguía ese son?
R: Polas madeiras, cada madeira aínda que fora toda da misma clase, cada unha soaba distinto.Eso, polo menos eu non o teño estudado, non se sabe o motivo de porqué facía isto.

P: Non lles botaban nada ás rodas?
R: Si, para que cantaran máis ou menos. Para que non cantasen por exemplo, engrasábase con touciño de porco ou con aceite e se se quería que cantasen, ou mollaban con auga porque ao secar aínda enchía máis ou lle botaban gas, gas do alumado entón o facían cantar porque había moita xente que presumía de que o seu carro cantaba mellor cao dos outros incluso, cando había que facer algunha cousa, apretábanlle as tuercas para que o sentiran cantar máis non sabes? Aínda que lles pesaba máis ás vacas e aos bois, pero o facían así.

P: Coida que é imporatante que todas estas pezas se recollan en museos etnográficos para que non se perdan e para que as vindeiras xeracións as coñezan?
R: Eu penso que a importancia é enorme porque se non se recolle, esto é unha historia que se acaba e un pobo que non sabe de onde vén mal pode saber a onde vai.

P: É importante que asociacións como a de Hume faigan charlas como a de hoxe para que a xente recorde e coñeza a vida dos nosos ancestros?
R: Pois mira, eu creo que si. Afortunadamente estanse empezando a facer en todos os pobos co asunto das Letras Galegas e con moitas máis cousas. É moi importante que a xuventude sigades loitando con esto, sobre todo os máis xóvenes para que nunca se perda esto que, por exemplo o do carro, que data de , estamos falando aquí,agora mesmo sobre 4000 5000 antes da nosa era .

P: Cal é o seu próximo proxecto?
R: Teño tantos que non sei por cal empezaría.Estou escribindo un libro, teño un libro publicado e estou escribindo outro precisamente dos oficios para que vós máis os vosos fillos e netos e bisnetos vos quede aí para sempre e quede constancia dos oficios que houbo. Porque mira, referente ao campo, oficios que perteneceron ao campo, levo contabilizados 50 e algo.

Moitas gracias.
Nada, gracias a vós.

Para a semana, o xoves 14, teremos na nosa biblioteca a Emilio X. Ínsua López , doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesor de Lingua e Literatura no IES “A Basella” , poeta e escritor que nos falará do centenario da Real Academia Galega

1 comentario:

Anónimo dijo...

Moitos de nós, case sen darnos conta, tivemos ocasión de ver e escoitar polas corredoiras os derradeiros carros. Daquela, moitos xa sustituiran as rodas de madeira por neumáticos. Agora esas maravillosas obras de inxenería, que son froito de séculos de experiencia e sabiduría, convertíronse en obxetos de museo ou pezas decorativas nos xardíns. Esperemos que o traballo de homes coma éstes sirva para conservar viva a memoria da nosa historia. Sen ela, qué sería de nós.