27 abril 2008

Xornadas da Terra


O pasado venres 18 de abril ás 20.00h do serán , tivo lugar na nosa vila unha conferencia histórica. Isaac Díaz Pardo e Avelino Pouso Antelo reuníronse cos veciños ponteses nas Xornadas da Terra organizadas pola asociación Irmandade As Pontes -Lesneven - Carmarthen e polo grupo ecoloxista “Niño do Azor”.

Isaac Díaz Pardo (Compostela 1920) foi un home moi polifacético.A súa educación estivo marcada por persoeiros tan importantes coma Castelao, Cabanillas, Risco, Ramón e Antón Vilar Ponte… Estudou e Madrid Belas Artes, complementando a súa carreira pictórica cunha viaxe a Italia, mais abandonou a súa práctica profesional da pintura para dedicarse á dinamización sociopolítica e empresarial, a modernización e internacionalización da nosa cultura e á loita contra a historia oficial (promovida polo franquismo) e á defensa da memoria histórica de Galiza. Creou tamén unha pequena fábrica en Castro de Samoedo (Sada) explotando as materias primas do antigo complexo de Sargadelos. Na súa primeira viaxe que fixo a Arxentina en 1955, colaborou na revista Galicia Emigrante, onde firmaba co pseudónimo Ollarnovo. Co apoio doutros galeguistas, como Seoane, fundou en 1963 o Laboratorio de Formas, institución da que sairían o complexo de Sargadelos, o Museo Carlos Maside e o Instituto Galego de Información. No campo literario cultivou varios xéneros (teatro, crítica e ensaio) ademais de manter unha plataforma editorial e de ter presenza en distintos medios xornalísticos.
Polo seu intenso labor recibiu moitas recoñecementos e distincións, sendo a última a Medalla de Ouro ao Mérito ao Traballo (2007)

Avelino Pousa Antelo (San Xoán da Barcala -A Baña- 1914). Estudou maxisterio en Santiago, estivo seis anos na universidade Pontificia de Santiago, fixo dous cursos de comercio en Lugo e un de xerencia de cooperativas en Zaragoza.
En 1948 creou xunto con Antonio Fernández López a Escola Primaria de Orientación Agrícola da Granxa de Barreiros.
Traballou fóra de Galicia como técnico e mestre e retorna en 1970 para exercer como mestre no grupo escolar de Pontecesures ata a súa xubilación.
Publicou numerosos artigos en xornais e revistas sobre temas agrarios e políticos, polos que recibiu os premios xornalísticos “Ramón Mourente” (1963) e “Luis Sánchez Harguindey” (1964), así como diversos libros.
De mozo estivo afiliado a “Mocedades Galeguistas” e tomou parte na propaganda do Estatuto de 1963. De 1979 foi presidente do Partido Galeguista. Actualmente é presidente da Fundación Castelao, vicepresidente da Fundación Fernández Florez e vocal das Fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.
Recibiu numerosos premios ao longo da súa vida, o último foi a Medalla Castelao (2006) e no 2007 é nomeado Fillo Adoptivo de Teo.


Na charla, ámbolos dous faláronnos das súas experiencias durante o 36 con moito humor e retranca.
Comezou a exponencia Avelino contándonos que a xente ao principio o tiña por conservador, algo moi chocante coa súa forma de pensar.
Continuaron falando de que de mozos, tanto Isaac coma Avelino, repartían carteis de propaganda do Estatuto de Autonomía que imprimían no taller do pai de Isaac (todos os carteis foron debuxados por Isaac salvo dous que os fixo seu pai).
Por suposto, non quedou sen comentar as súas vivencias durante o Alzamento, a Guerra Civil e a Postguerra. Avelino non tivo moito problema, pois foi levado a loitar no bando Nacional a distintas partes de España e desta maneira fóronse “camuflando” os seus ideais. Isaac tívoo máis difícil, ata o punto de ter que agocharse na casa de seu tío Indalecio para salvar a vida e despois traballou como rotulista nunha fábrica coruñesa de pintura industrial.
Isaac comentounos un pouco como xurdiu Sargadelos, que os materiais que se utilizan na elaboración das pezas son exclusivos da zona… Para finalizar contounos algo da situación actual na que se atopa con respecto a Sargadelos, aínda que non quixo profundiciar no tema pois está en vias xudiciais.
Rematou falando Avelino, respondendo a unha pregunta que lle fixo un dos asistentes: “República ou Monarquía?” A súa resposta foi que el prefería a República, mais que ningún sistema é perfecto, pois había que ter en conta que durante as Repúblicas españolas ningún presidente rematou o seu mandato.

No hay comentarios: