07 noviembre 2008

319 anos de tradición parlamentaria

O Palacio de Westminster é un edificio que acolle ao poder lexislativo do Estado británico, exercido polo Parlamento, que se divide, á súa vez, en dúas cámaras: a Cámara dos Comúns ou Cámara Baixa, e a Cámara dos Lordes ou Cámara Alta. O Palacio de Westminster atópase na capital británica, á beira do rio Támesis, e no districto da Cidade de Westminster. Ten un tamaño de 4,8 quilómetros cadrados entre edificios, torres e xardíns.

O lugar onde se atopa o palacio era xa un lugar estratéxico para os romanos por estar situado xusto na marxe do río e hai documentos que proban que o lugar no que se situa estivo ocupado por edificios desde tempos dos saxóns. Mais o primeiro edificio orixinal foi construído polo penúltimo monarca saxón, Eduardo o Confesor, case ao tempo que a Abadía de Westminster era tamén construída (de 1045 a 1050). Ergueuse como residencia real e foi o lugar preferido polos reis para residir durante toda a Idade Media, até 1529, cando un incendio destruiuno en parte.

Entón Henrique VIII trasladou a residencia real para o Palacio de Whitehall e Westminster comezou a ser empregado como sé do Parlamento, que antes se reunía, normalmente, na Abadía de Westminster.


Mais a data clave foi o 16 de outubro de 1834, cando unha estufa provocou un famoso e lembrado incendio, mesmo recollido polo pintor J.M.W Turner, destruíndoo case totalmente. A raíña Victoria, por resolución do Parlamento, ordenou a sua reconstrucción aos arquitectos Charles Barry e Augustus Pugin seguindo un estilo gótico, o que deu orixe ao complexo actual. Aínda así, a Cámara dos Comúns foi destruída por bombas alemanas na 2ª Guerra Mundial e os traballos de reforma nela non remataron até 1950.

O edificio actual é un palacio de catro andares con máis de 1.100 habitacións, 103 escaleiras e 5 km de pasillos. Sendo o primeiro andar o máis importante xa que alí se atopan as cámaras, as bibliotecas e outras estancias de importancia, os lugares máis senlleiros son a Torre do Reloxo, popularmente mal-coñecida como Big Ben, de 96m de altura; o Salón Westminster, con máis de 900 anos de antiguidade; e as Cámaras Lexislativas: a dos Comúns e a dos Lordes, que constitúen o Parlamento.

Precisamente o Reino Unido é un país de profunda tradición parlamentaria, de feito o Parlamento Británico é chamado “A nai de todos os parlamentos” e sua soberanía remóntase á do Parlamento de Inglaterra. Os poderes foron acadados en 1689 coa sinatura da Bill of Rights por Guillerme III e desde aquela este permaneceu independente.

Esta composto pola Cámara dos Comúns e pola Cámara dos Lordes. Os comúns son electos democráticamente e os Lordes son membros da nobreza e da Igrexa de Inglaterra. Na actualidade a cámara máis importante é a dos Comúns, tendo a dos Lordes unha función puramente consultiva e espiritual e non pode rexeitar leis dos Comúns, só pode retrasar a sua aprobación.

A historia e independencia do Parlamento con respecto á Casa Real maniféstase na relación existente entre eles, pero, sobre todo, na Cerimonia de Apertura do Parlamento, escenificada polo monarca, os membros do parlamento e a Garda Real e que decorre, resumidamente, do seguinte xeito:

  • 1º: os sótaos do Palacio son inspeccionados, desde 1605, para prever tentativas de atentados como o Motin da Pólvora.
  • 2º: O monarca manda chamar a algún parlamentario, xeralmente do partido principal, ao Palacio de Buckingham e é retido alí para garantir que entra nun parlamento non hostil.
  • 3º: O monarca desprázase desde o Palacio de Buckingham ao parlamento nunha carroza de cabalos.
  • 4º: O monarca ingresa pola Entrada do Soberano, na parte inferior da Torre Victoria, e, no Salón da Toga, coloca a Toga do Estado e a Coroa Imperial.
  • 5º O monarca ingresa na Cámara dos Lores, senta no trono, pide silencio e ordena ao Grand Lord Chamberlain buscar aos membros da Cámara dos Comuns.
  • 6º: este vai ao encontro do Cabaleiro Uxier do Bastón Negro e ordenalle que avise aos Comúns. O portador do bastón negro pide que os gardas das portas da Cámara dos Comúns tiren os sombreiros e unha vez feito chama á porta, esta é aberta e pechada como reivindicación da Cámara dos Comúns para debater coa ausencia do monarca. O portador chama de novo co bastón e a porta élle aberta, interrompe o debate dos Comúns e despois de facer unha reverencia ante a cámara di: “ Sr./ Sra. Presidente, a Raíña manda a esta honorable Casa asistila inmediatamente na Casa dos Pares”.
  • 7º: o Speaker, ou Presidente da Cámara dos Comúns, condúceos nunha fila de dous á Cámara dos Lordes.
  • 8º: os Comúns instálanse na cámara dos Lordes e o monarca fai o seu descurso.
  • 9º: os membros do Parlamento non poden interrumpir o monarca nen mostrar indicios de desacordo co seu descurso e cando o finaliza pide consello sobre o mesmo e os comúns retíranse á sua Cámara para debater o descurso. O monarca volve a Buckingham e o parlamentario é liberado unha vez que a carroza deixa atrás o Parlamento.
  • 10º: ao descurso engádenselles as disposicións feitas polos parlamentarios e envíase a Buckingham onde é asinado polo monarca.

Existen diferentes curiosidades sobre a historia e as ceremonias:

  • Morrer no interior do recinto do parlamento é ilegal. Isto foi establecido en 1812 despois do asasinato do Primeiro Ministro, Spencer Perceval, no hall da Cámara dos Comuns.

  • Na primeira planta do Parlamento está prohibido comer ou beber, agás para o Ministro de Economía (Chancellor of the Exchequer) cando realiza o descurso para defender os Orzamentos Xerais presentados polo goberno. Nese momento pode consumir, só, bebidas acohólicas.
  • Nos debates dos Comúns, xeralmente, existe unha grande rivalidade e os membros da cámara non poden ultrapasar unhas liñas vermellas pintadas no chan da cámara baixo pena de multa de, normalmente, 500 libras.
  • Os monarcas non entran na Cámara dos Comúns desde que Carlos I entrara nela para arrestar a 5 membros e o Presidente rexeitara dicirlle onde estaban agachados.
  • O tradicional silencio durante o Descurso do Monarca foi roto, en 1998, por deputados laboristas con berros de “si, si” e “escoitade, escoitade” e por membros da Cámara dos Lordes con berros de “non, non” e “vergoña” cando a raíña Isabel II manifestou a sua intención de abolir os antigos privilexios aristocráticos da nobreza. Propúxose a sua expulsión do Parlamento por varias sesións.


Através desta ligazón podes acceder a un vídeo no que se mostra o sexto paso da Cerimonia de Apertura do Parlamento: Preme aquí

No hay comentarios: