18 septiembre 2008

Deuses, tumbas e sabios


Esta é unha historia con todos os ingredientes do mellor do xénero de aventuras. Estamos no ano 1838 e a goleta británica Beatrice, con rumbo a Londres, desaparece en augas próximas as costas españolas, moi preto de Cartagena. Nas súas bodegas a nave garda un extraño cargamento: o sarcófago de Menkaura. Máis coñecido polo seu nome grego de Micerino, foi o faraón da IV Dinastía que mandou construir a Terceira Pirámide da necrópole de Giza, a chamada Divina Pirámide. A peza fora atopada un ano antes por un coleccionista inglés, Howard Vyse, que logrou acceder á camara funeraria recurrindo á dinamita, método que xa empregara infructuosamente na Gran Pirámide de Quéope, cuia tumba fora violada por saqueadores en tempos remotos.
Na súas orixes, a exiptoloxía era unha actividade máis propia de aventureiros sen escrúpulos que de apacíbeis eruditos, e as fronteiras entre arqueoloxía e pillaxe non estaban claramente definidas. Atraídos pola riqueza da terra dos faraóns, estes homes empregaban todos os medios ao seu alcance para facerse cos prezados obxectos cuia posesión disputábanse os máis importantes museos de Europa, como o British Museum ou o Louvre. Xentes como Belzoni, Henry Salt ou Bernardino Drovetti protagonizaron encarnizados enfrontamentos, descritos con detalle no libro de Brian Fagan O saqueo do Nilo .
Agora o gogerno exipcio planea rescatar o pecio do Beatrice e recuperar o sarcófago de Menkaura. Para este proxecto pretende contar con un dos máis exitosos buscadores de tesouros, Robert Ballard, o home que atopou en 1985 os restos do Titanic.
Un Robert L. Stevenson do século XXI non atoparía mellor argumento para unha novela.

O alcázar de Sevilla

Os alcázares eran as residencias dos líderes musulmáns. Un dos máis famosos é o alcázar de Sevilla.
O alcázar de Sevilla componse de diversos edificios de varias épocas. A fortificación orixinal construíuse sobre un antigo asentamento romano e máis tarde visigodo. Posteriormente pasou a ser unha basílica paleocristiana de San Vicente Mártir e onde fora enterrado San Isidoro.
Empezou a tomar o seu aspecto actual trala conquista de Sevilla no 713 polos árabes. No ano 884 a fortaleza contribuíu a evitar a invasión vikinga da cidade.
Nun principio compoñíase de varios recintos, como a Casa dos Príncipes, vivendas que no século IX ían desde a Praza do Triunfo ata o Barrio de Santa Cruz.
Para levar a cabo a obra, importantes artesáns toledanos, granadinos e sevillanos foron enviados polo rei nazarí Mohamed V. Ampliouse coa vivenda dos emires no século XI e ao longo do século XII seguíuse fortificando e engadindo estancias. Un século máis tarde os almohades sumaron máis patios e pazos. .
Trala Reconquista en 1248, foi residencia do rei Fernando III, tomándose por costume o de ser hospedaxe dos sucesivos monarcas.
Afonso X O Sabio fixo as primeiras reformas creando tres grandes salóns góticos. Posteriormente Pedro I O Cruel, en 1364, decidiu construír o que se convertiu no primeiro pazo dun rei castelán que non estaba protexido tralos muros e defensas dun castelo, logrando o seu definitivo aspecto mudéxar que hoxe conserva.
Consérvanse todavía restos do antigo Pazo Islámico como o Patio do Xeso, da época previa á Reconquista. As obras comezadas por Pedro I impulsaron a posteriores soberanos a realizar máis transformacións. Nel Carlos I celebrou a súa boda con Isabel de Portugal, nunha das estancias naceu en 1848 a infanta Isabel, neta de Fernando VII.
Na actualidade , utilízase sobre todo para realizar exhibicións de obxectos de época árabe nos seus salóns, disfrutar cada verán cun concerto nocturno nos seus xardíns e gozar da súa beleza arquitectónica.
Nos xardíns do Alcázar reúnense caracteres árabes, renacentistas e modernos. Están dispostos en terrazas, de gran vexetación, multitude de laranxos e palmeiras, fontes, pavillóns… destacando os xardíns do Príncipe coa fonte de Neptuno e os Xardíns do Laranxal coa fonte do León e o Pavillón de Carlos V onde morreu o rei Fernando III.
Dende os xardíns chegamos ao Patio de Banderas, lugar onde se colocaban as bandeiras cando se hospedaba algún rei no palacio, sendo coma unha especie de Praza de Armas do Alcázar.


11 agosto 2008

O icono sagrado


Título: O icono sagrado
Autor: Neil Olson
Editorial: Planeta
Sinopsis: Grecia, 1944. Durante a Segunda Guerra Mundial, un grego coñecido como A Serpe pacta con Müller, un asasino nazi, a entrega dun cargamento de armas a cambio dun icono do século VIII e, segundo din, pintado sobre o Sudario de Cristo.
Nova Iork, 2000.Un home xa maior vive baixo un nome falso, aislado do mundo e pechado coa súa colección de arte e pintura. Cando morre, a súa neta, Ana, debe entrar na pequena capela do seu avó, que sempre lle deu algo de respecto e que garda un obxecto: un extraño icono que nin sequera aparece mencionado no testamento. Matthew, un mozo especialista en arte bizantino do Museo de Arte Metropolitano, é enviado para verificar a súa procedencia e o seu valor. Ana séntese en seguida atraída por el e lle dá vía libre para estudalo.
O icono é codiciado por varios personaxes: Andreas, o avó de Matthew quere recuperalo en nome da Igrexa Ortodoxa, Del Carro, un home moi turbio e rico e A Serpe cuxa identidade mantense en secreto e descubrirase ao longo da aventura...
Comentario: Aínda que O Icono Sagrado non narra ningú feito histórico concreto, si coido que é un libro moi interesante, pois nel vése reflectido o interese dos nazis por conseguir obras de arte e tamén as atrocidades que se cometeron durante a 2ª Guerra Mundial co único fin do beneficio propio.

O Pazo de Versalles

Un dos grandes tesouros de Francia é o pazo de Versalles. Foi unha construción do reinado de Luís XIV (coñecido coma o Rei Sol) aínda que a propiedade xa pertenceu orixinariamente ao seu pai, Luís XIII ao que lle entusiasmaba a caza e que mandou levantar en 1623 un pavellón de caza no medio do bosque, construindo en 1634 unhas dependencias máis espaciosas. Cando morreu nove anos despois o seu fillo Luís XIV só tiña cinco anos. Ao rapaz encantáballe o pavellón mais as razóns para a construción do pazo corresponden ás turbulencias políticas da época. De neno, Luís XVI foi testigo do alzamento de A Fronda polo que durante toda a súa vida desconfiou dos parisinos. Ao forzar aos nobles a seguilo a Versalles podería vixialos e recortar a súa capacidade de levar a cabo accións políticas independentes.
Ao longo dos seus 72 anos de reinado, Luís XVI gastou enormes cantidades de cartos no pazo, empleando aos mellores artistas de Francia.
O pazo é inseparable da personalidade do rei.Cando Versalles se converteu en sé do goberno en 1682 tivo que ampliarse para acoller a toda a corte.
Os aposentos reais decoráronse con ouro e mármol e estaban organizados coma se se tratase de planetas gravitando ao redor do sol(emblema real). Todo en Versalles rexíase polo protocolo e a etiqueta.
A galería dos espellos (unha sala de 73 m de longo que ocupa toda a parte central do pazo) é unha evidencia da búsqueda da grandeza. As 17 fiestras altas e arqueadas son o reflexo correspondente aos 17 espellos franceses que ocupan as paredes de enfrente mentras que o teito inmortaliza as conquistas diplomáticas e militares do rei. Máis recentemente, durante a Primeira Guerra Mundial, Versalles foi utilizado polo Consello de Guerra Aliado e o Tratado de Versalles firmouse nesta galería o 28 xuño de 1919.
O xardín de Versalles non se queda atrás. O paisaxista André Le Nôtre diseñou o que se considera o exemplo máis perfecto do xardín francés. O rei estivo tan orgulloso dos seus xardíns que escribiu unha detallada descrición da mellor maneira para visitalos. Organizados ao redor de dous eixes principais contén encantadores sotos,fontes, laberintos… O rei pediu que as súas flores floreceran todo o ano e grazas ao seu enxeñeiro Jean-Baptiste de La Quintinye, comía morangos en marzo e leitugas en xaneiro.
Como ás veces Versalles resultaba demasiado grande e excesivamente público, o rei pediu que se construíra o Grand Trianon, un pequeno pazo de mármol rosa, nos xardíns de Versalles. Luís XV tamén viviu en Versalles e mandou edificar o Petit Trianon, en 1769 para poder atoparse coa súa amante, Madame de Pompadour. María Antonieta creou un xardín de estilo inglés cunha granxa en miniatura, con animais e un muíño xunta un pequeno estanque.




22 junio 2008

A Guerra do Vietnam

Pois coma o prometido é débeda, aquí vos deixo o power point que debería acompañar o meu traballo sobre a Guerra do Vietnam.

03 junio 2008

Supremacía racial?


As doutrinas raciais teñen o seu punto de partida na obra do francés Joseph Arthur de Gobineau que en 1853 publicou o seu "Ensaio sobre a desigualdade das razas humanas", onde afirmaba que a causa da decadencia das civilizacións debíase á mestura racial. As súas teorías tiveron continuidade na obra de Houston S. Chamberlain, autor de "Os fundamentos do século XIX" (1899), para quen a historia podía resumirse na loita pola supremacía entre o pobo ario e os que calificaba como razas inferiores, en especial os xudeos.
As potencias europeas atoparon no racismo a xustificación do dominio colonial en África e Asia, o que angloindio Rudyard Kipling definiu coa expresión “misión civilizadora do home branco”.
O nazismo nutriuse destas ideas, así como do darwinismo social, interpretación perversa do evolucionismo darwiniano, e o tradicional antixudaísmo, estendido en Europa desde a Idade Media, onde non eran infrecuentes estalidos de violencia contra as comunidades hebreas, os chamados pogroms.
Hitler convertiu o antisemistismo nun dos eixos da súa doutrina. No Mein Kampf afirma que "O fin supremo do Estado racista debe ser o asegurar a conservación dos representantes da raza primitiva, creadora da civilización superior que fai a beleza e o valor dunha humanidade superior". Coa victoria do nazismo en Alemaña os xudeos foron despoxados da cidadanía, prohibiuselles o matrimonio coa poboación aria (Leis de Nürnberg de 1935) e, en 1938, na famosa "noite dos cristais rotos", desatouse unha feroz persecución que culminaría na creación dos campos de exterminio.
En agosto de 1936 os xogos olímpicos de Berlín pretendían amosar ao mundo a superioridade da raza aria. A posta en escea correu a cargo do arquitecto nazi Albert Speer e a fotógrafa Leni Riefenstahl. Pero as catro medallas conseguidas polo atleta afroamericano Jesse Owens desmentiron a suposta superioridade racial aria. Dous anos despóis, a derrota do púxil Max Schmeling fronte a outro deportista negro, Joe Louis, “o bombardeiro de Detroit”, volveu a demostrar a inconsistencia da suposta supremacía aria.

20 mayo 2008

Xosé María Álvarez Blázquez na súa faceta arqueolóxica

Este ano á persoa a quen se lle adicou o día das Letras Galegas foi D. Xosé María Álvarez Blázquez, poeta, narrador, estudoso da nosa literatura, publicista, deseñador, editor, impresor, crítico... Alén da súa obra literaria, tamén se involucrou noutras disciplinas culturais, nas que acadou un éxito similar ao literario. Unha destas disciplinas foi á Arqueoloxía. Comezou no seu Tui natal cos seus primeiros traballos arqueolóxicos, con 18 anos, da man do seu mestre, o prehistoriador tudense Manuel Fernández Costas, que ademais dirixía o grupo xuvenil Ultreia, do que Xosé María Álvarez formaba parte. Nos veráns de 1933, 1934 e 1935, el e outros Ultreias fixeron diversas prospeccións e algunha escavación como a do castro de Cabeza de Francos. Quince anos máis tarde, no 1948, establecido xa en Vigo, redacta un informe sobre estes traballos que non se publicará ata os nosos días.
Nos veráns a familia Álvarez Limeses pasaba unha tempada nas beiras do mar da Arousa en Baión, Vilanova. Alí puxo a traballar nas prospeccións arqueolóxicas a algúns amigos e a tres dos seus irmáns (Alfonso, Emilio e Álvaro). No Nadal de 1934 escavan noutro castro tudense, o da Guía. Os traballos quedaron recollidos nunha breve memoria que publicou en Tude, unha revista que editaban estudantes do Instituto de Tui. De decembro de 1934, conservaba un traballo inédito ata a actualidade no que recollía Ideas sobre as mámoas. Logo chegou a guerra e hai un parón no seu traballo arqueolóxico, ata os anos 1938, 1939, 1940 e 1941 que investiga a necrópole romana de Coreses e anda na procura de fósiles e restos paleolíticos.
Amosou grande interese polos tempos máis recuados da prehistoria. Compartiu este interese co escritor Eliseo Alonso e o pintor Antonio Fernández, e, máis especialmente con Pedro Díaz.
A súa primeira publicación arqueolóxica data de 1949, Industrias Paleolíticas de la comarca de Tui, publicada en colaboración con Fermín Bouza Brey nos Cadernos do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
No ano 1961, realizou intensas prospeccións nas Gándaras de Budiño (O Porriño), que fora descuberto polo xeógrafo francés Henri Nonn, quen se puxo en contacto con el para que fixera as escavacións. Da escavación prospectiva de 1963, ideada e animada por el, queda constancia en planos, fotografías e debuxos publicados, e a colección de artefactos líticos referenciados que se depositaron no Museo de Castrelos en Vigo, como era o seu desexo.
En 1949, recibiu o título honorífico de Comisario Local de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo. E pouco a pouco foise coñecendo o pasado romano da cidade, primeiro os enterramentos de época romana próximos ao actual Colexio Picacho, despois as escavacións no Castro de Vigo e finalmente, no ano 1953, as estelas funerarias da Rúa Hospital.
Nas décadas dos sesenta e setenta estudou as aras do santuario romano do Facho de Donón (Cangas), trasladadas ao Museo de Castrelos de Vigo. A súa publicación non se fará ata 1971 (Volume XXVI de Cuadernos de Estudios Gallegos).
Tamén desta época é o seu estudo sobre a cista de Atios e a publicación sobre esta escavación.

18 mayo 2008

Xornadas Hume: Don Antón Vilar Ponte

O pasado xoves día 15 de maio, e pechando as Xornadas da primavera da Asociación Hume, tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca municipal a don Emilio Xosé Ínsua, doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesor de Lingua e Literatura no IES “A Basella”, poeta e escritor. Falounos da creación da Real Academia Galega e da súa traxectoria e os moitos avatares polos que tivo que pasar ata os nosos días. A Real Academia Galega foi creada en 1905 na Habana por iniciativa dos galegos que vivían nesa cidade, entre os que destacaban Curros Enríquez e Fontela Leal. O seu primeiro presidente foi Manuel Murguía. A súa sede está na Coruña e ten como obxectivo contribuír ao coñecemento da nosa historia, cultura, literatura e lingua. É a que organiza o Día das Letras Galegas e é a institución encargada por lei de dictar as normas que rexen o bo uso da nosa lingua.
Ao final da charla, houbo un coloquio entre don Emilio Xosé Ínsua e varios dos asistentes que acudiron ao acto.


10 mayo 2008

Xornadas Hume: Don Narciso Luaces Pardo

Onte, 9 de maio, comezaron as xornadas co motivo do día das Letras Galegas da Asociación de Estudos Históricos Hume na Biblioteca Municipal das Pontes. Tivemos o pracer de recibir a don Narciso Luaces Pardo, creador do museo etnográfico de Meixido (Ortigueira) e autor do libro O Carreiro. Memorias do tío Santos. Falounos da impotancia do carro na vida dos nosos devanceiros, dos nomes que reciben as pezas do carro na comarca do ortegal (pois cada zona ten a súa propia denominación) de cómo se construían… sen faltar, por suposto, algunha que outra anécdota, como a dun veciño de Ortigueira que, por querer facer o carro máis grande do normal (o carro ten unhas medidas determinadas) só lle durou dous días, xa que este entornábaselle porque unha roda encaixaba nas rodeiras do camiño e a outra ía máis alta. Outras curiosidades foron que dunha vez saíron do porto de Ortigueira 5000 carros feitos por un carreiro do lugar ou que no último viaxe que fixo un carreteiro da zona (que se decicaba exclusivamente a levar tablóns de madeira a Ferrol) levou 1500 kg de madeira nun carro tirado por dúas parellas de bois.
Despois da charla tivemos a oportunidade de facerlle unha pequena entrevista a don Narciso.


Entrevista a don Narciso Luaces Pardo. Creador do museo etnográfico de Meixide e autor do liro O Carreiro. Memorias do tío Santos.

Pregunta: Que importancia tiña o carro na vida dos nosos avós?
Resposta: Pois mira, o carro na vida dos nosos avós era todo porque era o único medio de transporte que había. Nel carretábanse todos os materiais que eran necesarios para unha casa, para obras públicas para facer pontes, estradas, para todo, para todo en xeral, ata que viñeron os camións pero os camións viñeron… pois sería polo ano 1900 ou por aí cando empezaron a haber así en xeral, o resto foi todo carrexado no carro e esa era a maior importancia que tiña.

P: Quedan moitos carreiros hoxe en día?
R: Pois mira, hoxe non quedan carreiros na zona porque tampouco quedan carros. A partir do último terzo do século XX, o que acabou agora, entraron os tractores, o tractor agrícola e a carroceta para carretar as madeiras. Chegou primeiro a carroceta e despois chegou o tractor agrícola e a partir de aí, pois quedou totalmente abolido o carro.

P: Meu pai tenme contado que os carros asubían dun xeito especial e que cada carro tiña o seu son.
R: Si, cada carro tiña un sonido especial e as campaíñas (do carro) tamén entón, polo son das campaíñas e polo chirrío do carro a xente, os veciños do lugar, coñecían que carro era o que se aproximaba .

P: Como se conseguía ese son?
R: Polas madeiras, cada madeira aínda que fora toda da misma clase, cada unha soaba distinto.Eso, polo menos eu non o teño estudado, non se sabe o motivo de porqué facía isto.

P: Non lles botaban nada ás rodas?
R: Si, para que cantaran máis ou menos. Para que non cantasen por exemplo, engrasábase con touciño de porco ou con aceite e se se quería que cantasen, ou mollaban con auga porque ao secar aínda enchía máis ou lle botaban gas, gas do alumado entón o facían cantar porque había moita xente que presumía de que o seu carro cantaba mellor cao dos outros incluso, cando había que facer algunha cousa, apretábanlle as tuercas para que o sentiran cantar máis non sabes? Aínda que lles pesaba máis ás vacas e aos bois, pero o facían así.

P: Coida que é imporatante que todas estas pezas se recollan en museos etnográficos para que non se perdan e para que as vindeiras xeracións as coñezan?
R: Eu penso que a importancia é enorme porque se non se recolle, esto é unha historia que se acaba e un pobo que non sabe de onde vén mal pode saber a onde vai.

P: É importante que asociacións como a de Hume faigan charlas como a de hoxe para que a xente recorde e coñeza a vida dos nosos ancestros?
R: Pois mira, eu creo que si. Afortunadamente estanse empezando a facer en todos os pobos co asunto das Letras Galegas e con moitas máis cousas. É moi importante que a xuventude sigades loitando con esto, sobre todo os máis xóvenes para que nunca se perda esto que, por exemplo o do carro, que data de , estamos falando aquí,agora mesmo sobre 4000 5000 antes da nosa era .

P: Cal é o seu próximo proxecto?
R: Teño tantos que non sei por cal empezaría.Estou escribindo un libro, teño un libro publicado e estou escribindo outro precisamente dos oficios para que vós máis os vosos fillos e netos e bisnetos vos quede aí para sempre e quede constancia dos oficios que houbo. Porque mira, referente ao campo, oficios que perteneceron ao campo, levo contabilizados 50 e algo.

Moitas gracias.
Nada, gracias a vós.

Para a semana, o xoves 14, teremos na nosa biblioteca a Emilio X. Ínsua López , doutor en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesor de Lingua e Literatura no IES “A Basella” , poeta e escritor que nos falará do centenario da Real Academia Galega

05 mayo 2008

Os cans da guerra





O emprego de soldados mercenarios foi un recurso habitual no pasado en ausencia de auténticos exércitos nacionais. Ademáis, as tropas regulares non eran fiables á hora de afogar as revoltas populares, de ahí que os monarcas botaran man de profesionais contratados a cambio dunha paga -merces en latín-, que fixo do mercenario o primeiro proletario da historia.
Esta renunencia dos monarcas a armar aos seus súbditos explica a existencia de gardas de confianza compostas exclusivamente de extranxeiros: xermanos, no caso dos emperadores romanos, a garda varega dos bizantinos, a garda escocesa dos Borbóns franceses ou a valona dos seus homónimos españois, a garda mora de Franco ou a suiza que aínda manteñen os pontífices.
Durante a Idade Media os mercenarios deron orixe a un importe comercio internacional, fomentado polas Cruzadas e as guerras en Bizancio. Floreceron así as chamadas compañías libres, especialmente en Italia, onde as guerras entre as cidades eran endémicas e os seus xefes, os condottieri, actuaban como auténticos señores da guerra.
Os mercenarios eran reclutados, na súa maioría, entre as aguerridas poboacións das rexións montañosas e deprimidas das fronteiras de Europa: croatas, válacos, vascos, suizos. Aos procedentes das ciudades industriais de Flandres e Alemaña débeselles a estensión das armas de fogo na Idade Moderna.
O poeta romántico Alfieri laiábase de que estes homes libres serviran de sostén da tiranía. En Inglaterra a Carta Magna prohibiunos. No "Príncipe" Maquiavelo, anque recoñece as súas ventaxas, desaconselláos. O reformador relixioso Zwinglio condenou a práctica, xunto á prostitución e o adulterio. Na illa de Utopía, sen embargo, Tomás Moro confía a defensa da República a un exército mercenario.
Na Idade Moderna os mercenarios suizos e os lansquenetes alemáns foron a columna vertebral da infantería dos exércitos europeos, que a abundancia de plata americana permitiu costear con largueza. A guerra dos Trinta Anos supuxo o seu momento culminante. Na novela "O aventureiro Simplicissimus", publicada en 1668, Grimmelshausen ofrece unha vivaz descripción da vida dun soldado de fortuna nunha Alemaña asolada polos exércitos. Durante esta contenda o emperador Fernando II alugou os servizos do nobre bohemio Albrecht Valdstejna -ou Wallenstein, como se coñeceu en alemán- cuio exército de 20.000 homes constituíu a maior empresa privada na Europa anterior ao século XX.





Os exércitos contratábanse cos seus oficiais por un período determinado. Funcionaban coma unha empresa e como tal sufrían tamen conflictos laborais, mesmo folgas.
Os avances tecnolóxicos que fixeron mudar os hábitos da guerra, non acabaron coa práctica do mercenarismo. No século XX exércitos mercenarios combateron en numerosos conflictos, como os que sacudiron África nos anos 70 e que o escritor Frederick Forsyth retrata tan ben na coñecida novela "Os cans da guerra". O fenómeno segue a estar presente nos escenarios bélicos da actualidade. En Irak, concretamente, a morte en 2004 de catro membros da compañía de seguridade norteaméricana Blackwater nunha emboscada en Faluya, revelou ao mundo o alcance da participación de tropas mercenarias na guerra. En 2007 o periodista Jeremy Scahill no libro: "Blackwater: o nacemento do exército de mercenarios máis poderoso do mundo", sacaba á luz datos que non deixaban dúbida acerca da implicación de empresas privadas de seguridade occidentais na chamada guerra contra o terrorismo internacional. Cuns efectivos duns 20.000 soldados e 20 avións Blackwater ten intervido en países como Afganistán e incluso nos propios EEUU, onde foi utilizada despóis do furacán Katrina para prevenir altercados. Como vimos, esta fora unha das razóns alegadas no pasado para xustificar o emprego de mercenarios. Algunhas cousas semellan que non cambian nunca. Decía Maquiavelo que "é más difícil gobernar unha república armada co seu propio exército, ao mando dun dos seus cidadáns, que conducila se o seu exército é extranxeiro".